Tuesday 21 de May de 2024

Feijóo afirma que a Sanidade seguirá a ser unha das prioridades do novo Goberno co obxectivo de que en 2020 o 100% dos galegos vivan na contorna dun hospital ou centro de saúde novo ou renovado


Lembra que durante a recesión económica, lonxe de conformarse con blindar e manter a subsistencia dos servizos públicos, o Goberno galego asumiu o reto de renovalos e melloralos

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que a Sanidade seguirá a ser unha das prioridades do novo Goberno, co obxectivo de que a finais da lexislatura o 100% dos galegos vivan na contorna dun hospital ou centro de saúde novo ou renovado.

Durante unha visita ás instalacións do novo centro de saúde de Marín, Feijóo lembrou que durante a recesión económica, lonxe de conformarse con blindar e manter a subsistencia dos servizos públicos, o Goberno galego asumiu o reto de renovalos e melloralos.

Sobre este punto salientou que hoxe sete de cada dez galegos teñen na súa contorna un centro de saúde ou hospital novo ou renovado: “en Pontevedra asinamos hai tres meses un novo modelo para a ampliación do Hospital Público de Montecelo; en Vigo construímos o maior hospital público feito polo Sergas en 25 anos de historia; en Lugo puxemos en funcionamento e equipamos o novo Hospital Lucus Augusti; na Coruña ampliamos as Urxencias do CHUAC, estamos renovando o bloque cirúrxico e seguiremos executando o plan director; en Ourense entregaremos o edificio de hospitalización; na comarca do Salnés estamos a levar a cabo a ampliación do hospital público; e na Mariña lucense estamos neste momento executando a ampliación do hospital da Costa”.

O responsable do Goberno autonómico referiuse ao inicio e execución da obra do Hospital Gran Montecelo, á execución do plan director completo do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol e á ampliación do Hospital Clínico de Santiago como as tres principais materias para esta lexislatura.

Nesta mesma liña, destacou que esta renovación do mapa sanitario galego non se limitou só ás grandes infraestruturas hospitalarias, senón que tamén beneficiou o sistema de Atención Primaria. E, baixo esta premisa, nestes últimos sete anos renováronse 36 centros de saúde, xunto con outros 10 que están en fase de licitación (Salceda de Caselas, Melide, Pereiro de Aguiar, A Estrada, Milladoiro (Ames), Narón, O Saviñao, ampliación do centro de saúde da Laracha, Paderne de Allariz e ampliación do centro de saúde de Poio).

O centro de saúde de Marín, un dos máis completos de Galicia
No tocante ao novo centro de saúde de Marín, Feijóo subliñou que, cun investimento de máis de 5,6 millóns de euros, este novo edificio substituirá o vello centro de saúde e a Casa do Mar e contará con novos servizos como o de fisioterapia. “Estamos a falar dun centro ao que estarán adscritas máis de 23.000 tarxetas sanitarias”, abundou.

Máis polo miúdo precisou que esta nova infraestrutura conta con tres grandes áreas. A primeira, unha área de medicina xeral e enfermaría, que conta con, entre outras cousas: 12 consultas de medicina xeral, 11 de enfermaría, unha consulta de odontoloxía, outra para hixiene dental, outra de farmacia, unha consulta da muller, unha para a matrona, unha sala e consulta para fisioterapia con 4 cabinas de tratamento, e todos os servizos para a xestión do centro.

Pola súa banda, a área de pediatría conta con catro consultas, unha sala polivalente de pediatría e catro de enfermaría pediátrica. E en terceiro lugar, na área de urxencias (PAC), o centro de saúde ten cinco consultas de medicina xeral, dúas de enfermaría, catro dormitorios para o persoal de garda, unha sala de críticos e outra de observación.

“Estamos, en definitiva, a falar dun dos centros de saúde máis completos de Galicia, onde traballan entre outros, 25 médicos e 20 persoal de enfermaría, máis celadores, matronas, odontólogo, hixienista e fisioterapeuta”, afirmou.

Logo de aseverar que entre este novo centro de saúde e o consultorio do Seixo se dará cobertura ás necesidades sanitarias da poboación de Marín, Feijóo quixo agradecer o traballo de todos os profesionais do Servizo Galego de Saúde e, moi especialmente, dos que traballan na Atención Primara, “a porta de entrada ao sistema e o punto de conexión coa atención hospitalaria”.

Unha Atención Primaria con mellores infraestruturas
O responsable do Executivo autonómico incidiu na importancia de que a Atención Primaria dispoña das mellores infraestruturas, pero tamén duns protocolos e mecanismos modernos, áxiles e efectivos. E, sobre este aspecto, resaltou que avances como a Historia Clínica Electrónica, a e-interconsulta ou as vías rápidas para a atención ás patoloxías canceríxenas están contribuíndo a facela máis eficiente e resolutiva.

“Ademais, a implantación doutros servizos como o de consulta telefónica en Atención Primaria, que permitiu que se atendesen máis de dous millóns de chamadas en 2015; o programa de prescrición electrónica de medicamentos, que fixo posible que houbese tres millóns de consultas presenciais menos para obter unha receita o pasado ano; as intervencións de cirurxía menor realizadas desde os propios centros de saúde e as probas diagnósticas que xa son resoltas desde os PAC, diminuíron a presión asistencial dos servizos de urxencia hospitalaria”, precisou.

Feijóo concluíu resaltando que grazas a estes avances e ao traballo e á entrega dos profesionais, os datos de listas de espera do primeiro semestre de 2016 son os mellores desde que hai rexistros: con máis de 100.000 intervencións; cunha espera media cirúrxica global que baixou en seis días, de 64 a 58; e cun tempo medio de espera das primeiras consultas no hospital que baixou en cinco días, pasando de 40 a 35.